16 de abril de 2015

Este venres - Os ratos da Casa

XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ ?OLI? PRESENTA EN LIBROS PARA SOÑAR O SEU NOVO LIBRO INFANTIL, ?OS RATOS DA CASA?

“Os ratos da casa” é o novo libro infantil do profesor e escritor de Cangas Xosé Manuel González Oli, que se presentará este venres ás 18:30 horas en LIBROS PARA SOÑAR, nunha sesión de contacontos na que o autor contará este e outros relatos da súa autoría.

Ilustrado pola arxentina Natalia Colombo, gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, “Os ratos da casa” trata sobre unha familia de intrépidos roedores que viaxan dende a montaña ata unha casa, onde son descubertos pola familia que habita nela.

Encadeando as accións dos personaxes e os elementos da trama, e utilizando a rima, Oli proponlles aos lectores unha viaxe na que o autor explora novas formas de contar unha historia. Cun ton poético e humorístico, os ousados ratos que protagonizan este conto acaban levando un bo sobresalto cando aparece en escena un inoportuno animal que os delata.

As ilustracións de Natalia Colombo destacan pola riqueza cromática, a utilización de ceras e lapis de cores, e a representación dos espazos domésticos, onde os lectores atopan graciosas chiscadelas ao cotiá.

Oli é mestre de Primaria, tradutor, escritor e especialista en literatura infantil e xuvenil. Tamén é co-director da colección Seteleguas de KALANDRAKA, editorial na que publicou “Once damas atrevidas”, “O pirata pata de lata” e “Artur” (no selo Faktoría K). Ademais, foi responsable das páxinas de literatura infantil da Revista Galega de Educación.

LIBROS PARA SOÑAR: Triunfo, 1. Vigo | 986 86 02 76 | lps@kalandraka.com
http://librosparasonhar.wordpress.com