30 de abril de 2013

1ª ROMERIA DOS MAIOS ANPA SARDOMA MOLEDO 11 DE MAYO 2013




Este ano imos celebrar a primeira Romería Dos Maios do Anpa Sardoma Moledo que será o día 11 de Maio no recinto do colexio. A continuación deixamos un pouco de información sobre esta festa tradicional así como o programa da festa, información do concurso e a información do Crecicling que celebraremos tamen o mesmo día.





A festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3, que na tradición cristiá representa a árbore da que nos veñen a vida, a saúde e a resurrección, segundo di o introito á celebración da misa nese día.



Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.



A celebración das festas de maio é común en moitos países de Europa, onde existen variantes similares da mesma festividade.




A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio. Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de maios), ás veces dialogadas, mentres camiñan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus. Era habitual pedir aos asistentes un aguinaldo que, por Lugo e Ourense, adoitaba consistir nunha presada de castañas maiolas (castañas secas), noces ou abelás, substituído hoxe por diñeiro.

É costume facer competicións, premiando as mellores esculturas e as mellores cantigas



As figuras que protagonizaban a festa, os maios, permiten clasificalos en:

  • Maios figurados: unha figura en forma de cono -modelo máis tradicional- ou de calquera outra forma (maios artísticos). Dentro deste grupo incluiríase a árbore de maio.
  • Maios humanos: unha persoa -neno ou adulto- cuberto de pólas, follas, flores etc.

Os maios figurados consisten nunha armazón ou esqueleto de paus ou táboas de forma cónica ou piramidal, recuberto de tea metálica ou arpillera, que se cubre de mofo, fiúncho ou herba. A armazón constrúese sobre unha plataforma que, a modo de padiola, permitía transporta-lo maio polas rúas do lugar.

Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos, bugallos, froitos ou mesmo ovos, como materiais máis habituais. O cumio remátase (coróase) cunha cruz. Hoxe, a imaxinación popular tamén constrúe maios coas figuras máis variadas: pontes, hórreos, cruceiros, casas, animais, figuras humanas etc. En localidades costeiras, como Marín, fanse tamén con forma de barco.
Os maios humanos podían ser individuais: un mozo ou moza, ás veces disfraz con flores, follas ou pólas e cunha coroa de flores. Cando se trataba dunha nena, a maia, ía vestida de branco, con ás e coroas de flores. Noutros lugares eran grupos de xente vestidos do mesmo xeito, e que cantaban e danzaban arredor do maio.



Na zona de Laza ou de Entrimo plantábase unha árbore, por veces varias [5]. Os mozos cortaban unha árbore, a máis grande que podían, e plantábana no medio da praza principal, adornándoa despois con faroliños. O elemento utilizado daba o nome á festa: Festa da Árbore de Maio [6].

Probablemente estea relacionado con estas festas da árbore o costume de colocar pólas de xesta (tamén chamada, por esta razón, maios) nas portas da casa e da corte, nas ventás, carros, leiras e barcas, e actualmente nos coches, na tarde-noite do último día de abril, para que o mes de maio protexa a casa, a xente que vive nela e as súas propiedades. Outros etnógrafos relacionan isto co ritual de alumea-las leiras na noite do 30 ou 29 de abril, coa fin de protexer os campos e comezar maio libres de calquera mal.


Cantigas

Había dous tipos de cantigas para cantar ó redor dos maios. Son raras (só sobreviven en Portomarín e Lourenzá) as composicións tradicionais, que se aprenden e repiten ano tras ano. Máis habituais son os textos que se escribían para cada ano, recollendo feitos actuais e, cada vez máis, críticas políticas, como esta que lle dedicaron ó gobernador civil de Pontevedra en 1923:

Nin é alto, nin é baixo,
nin é malo, nin é bo,
parece un reló parado
dentro da Deputación.

Información sobre o Concurso.

BASES:

- Podedes entregar un só debuxo orixinal por alumno/a que entregaredes ata o día 3 maio inclusive.
- Será pintado a mán no reverso deste folio
- Valorarase a técnica, o deseño e a orixinalidade.
- Todos os debuxos serán expostos o día 11 de maio no patio do colexio
- O sábado 11 de maio, día da festa dos maios, entregarase o agasallo o debuxo premiado as 18:00 horas.
¡ ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR NO CONCURSO E A VIR A FESTA!